O retorno dos homes mariños | Xurxo Souto (Galicia) | Ribeira
Fecha y hora
Xurxo Souto converteuse, por dereito propio, no narrador que mellor sabe ler o mar galego.
Acerca de este evento
Neste espectáculo rescata un mito coruñés esquecido. “As veces téñense visto nesta praia algún peixes da mesma figura que homes e en todo se lles parecen, fóra que teñen mans e pés un pouco tortos por razón de andar sempre nadando como as ras. A estes peixes, por semellárense tanto aos homes, chámanlles homes mariños.” Tal escribiu Jerónimo del Hoyo, cóengo da catedral de Santiago, tras visitar A Coruña no século XVII.
A señora Laura, a sabia do mar, sabe todo o que se pode saber dos homes mariños. E Mercedes, que tamén é a protagonista da novela «A gran travesía de Chiruca Macallás», traballa nun taller téxtil. É «heavy» e soña con marchar polo mundo co seu conxunto musical. Cada noite, no taller, máis forte que o boureo das máquinas, sente unha voz que a chama: a canción do mar do Orzán.
Público adulto | Galego
AVISO: o acceso ao castro só é posible a pé. No lugar da función non haberá cadeiras. Traede de casa unha mantiña ou algo sobre o que sentar.
Sobre Xurxo Souto
Terrícolo redondo. Naceu na Coruña, cidade-barco, mais nada sabía das cousas do mar. Así que comezou a preguntar e a compartir polo medio que for tanta descuberta. No ano 1999 gravou cos Diplomáticos de Monte-Alto o CD «Capetón», nome en galego do mar de Cape Town, na fin de África. En 2006 dirixiu o programa «Mil Ribeiras», na Radio Galega. Escribiu «Contos do mar de Irlanda» (Xerais, 2014) e a novela «A gran travesía de Chiruca Macallás» (Xerais, 2018). Dúas décadas despois da súa aparición, recuperamos (en clave celebración) a primeira parte deste libro: «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999, 2020), o relato dunha verdadeira iniciación oceánica. Porque, como dixo Staffan Mörling: «Non vivimos na fin da Terra, nós vivimos no centro do Mar».