Unha aventura singular: O gato con botas
Información sobre el evento
Acerca de este evento
Charo Pita será a responsable de narrar o clásico de Charles Perrault que será musicado con composicións de Franco Cesarino. A narradora estará acompañada pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e o seu director, Casiano Mouriño Maquieira. O espectáculo está recomendado para alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.
A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns premios literarios, o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 e no 2018, ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos, entre outros. Este mes de novembro gañou o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con 'O cuarto de Jane'. Participou tamén en proxectos musicais e teatrais como na 'Nena e o grilo no país das apertas' xunto a Magín Blanco, en 'Estamos no verán' xunto a Xoán Curiel ou en 'No país do vento' da man de María Faltri e Jorge Juncal.
A Banda Municipal de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Nun principio tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.